venres, 19 de febreiro de 2016

LETRAS GALEGAS 2016 : MANUEL Mª FERNÁNDEZ TEIXEIRO




         
   
   
LETRAS GALEGAS 2016
Manuel  Mª Fernández  Teixeiro
BIOGRAFÍA (1929-2004)
- En 1929: Nace  en Outeiro de Rei (Lugo) o 6 de outubro de 1929. Fillo de Antonio   Fernández Núñez e Pastora Teixeiro Casanova (familia labrega acomodada). Cursou o primeiro ensino en Rábade.
 - En 1943: mórrelle o pai o 2 de maio de 1943, Manuel María trasladouse a vivir a Lugo co seu tío Xosé Fernández.  Fixo bacharelato no Instituto Masculino e no colexio dos Maristas de Lugo. Nesa época estivo en contacto con personalidades como Uxío Novoneyra, Luís Pimentel, Celestino Fernández de la Vega, Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro, Ricardo Carballo Calero e Aquilino Iglesia Alvariño. 
- En 1951 matricúlase en Dereito na Universidade de Santiago de Compostela.
- En 1952, formou a Editorial  Xistral en Lugo.
- En 1954, gañou os Xogos Florais de Ourense e coñeceu algúns dos máis importantes intelectuais ourensáns: Cuevillas, Antón Tovar ou Vicente Risco.
- En 1957, acadou o título profesional de Procurador, que o levou a comezar o exercicio da súa profesión en Monforte.
- En 1958, xa instalado en Monforte, con Saleta, publicaron a colección Val de Lemos, onde viron a luz poemas de Luz Pozo, Carballo Calero, Pura Vázquez ou Cabanillas.
- En 1959, casou no mes de maio con Saleta Goi García, unha muller que o acompañou en na maior parte dos seus proxectos e a quen o poeta quixo citar ao longo da súa obra.
- En 1968, naceu Nova Canción Galega, un movemento musical de especial relevancia na nosa historia que foi presentado polo escritor no Cine Capitol de Compostela o 1 de decembro. A partir daquela, Manuel María converteuse nun dos poetas máis cantados polos grupos galegos marcadamente antifranquistas e galeguistas. Nos anos sesenta e setenta a poesía e a narrativa de Manuel María avanzou desde unha voz existencialista ou pesimista cara ao compromiso social, canalizando unha resposta nacionalista ao franquismo.
- En 1970, Manuel María e Saleta abriron en Monforte a Libraría Xistral, entendida ,  máis que coma unha tenda, coma centro de dinamización cultural.
- En 1976, A diversidade nos xéneros que practicou recoñeceuse ao gañar o I Concurso de guións cinematográficos de Nós. Ademais da literatura, escribiu ensaios sobre Bouza Brey, Celso Emilio Ferreiro, Gabriel Aresti ou Crecente Vega. E publicou centos de artigos e algunhas pezas de teatro en xornais e revistas galegas ou de fóra como El Ideal Gallego, El Correo Gallego, El Progreso, Grial ou A Nosa Terra, onde escribiu baixo o pseudónimo Manuel Hortas Vilanova.
- En 1977, presentouse de número un na lista do BN-PG ao Senado por Lugo. Asemade, nas primeiras eleccións municipais tras a ditadura foi escollido concelleiro polo BNG en Monforte. Mais tarde chegou a ruptura coa UPG-Liña Proletaria liderada por Ferrín, que concluíu coa continuidade de Manuel e Saleta na UPG.
- En 1987,  foi nomeado fillo adoptivo de Monforte.
- En 1995, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega dedicoulle unha homenaxe no Teatro Rosalía de Castro da Coruña(15 de setembro).
- En 1997, a Asociación de Escritores en Lingua Galega organizou(maio) en Outeiro de Rei a homenaxe "O escritor na súa terra" que supuxo a plantación dun carballo, o descubrimento dunha pedra conmemorativa e a inauguración dunha rúa co nome do poeta. Outros lugares coma Lugo, Monforte ou A Pobra do Caramiñal, contan tamén cunha rúa na súa honra.
- En 1998, trasladouse a cidade da Coruña, onde viviu ata a súa morte.
- En 1999 o poeta, xa asentado na Coruña, foi na lista do BNG ás eleccións europeas que supuxeron a designación do primeiro deputado nacionalista no Parlamento de Estrasburgo.
- En 2003,  ingresou o 15 de febreiro na Real Academia Galega (a proposta de Xosé Luís Franco Grande, Ramón Lorenzo Vázquez e Xosé Luís Méndez Ferrín)  co discurso “A Terra Chá: poesía e paisaxe”.  
- En 2004, morreu na Coruña o 8 de setembro.

BIBLIOGRAFÍA

Obra poética
Muiñeiro de brétemas. Pontevedra: Gráficas Torres, 1950.
Cinco pequenos poemas. Lugo: Antonio de Ron, 1951.
Morrendo a cada intre. Lugo: Imp. La Voz de la Verdad, 1952.
Advento. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1954.
Terra Chá. Lugo: Celta, 1954.
Libro de cantigas. Lugo: [s.n.], 1955.
Documentos personaes. Lugo: Celta, 1958.
Libro de pregos. Lugo: Celta, 1962.
Mar Maior. Vigo: Galaxia, 1963.
Versos frolecidos en louvanza de Foz. Foz: Bahía, 1967. Primeiro premio e 'frol natural' nos primeiros Xogos Florais de Foz, celebrados en 1966.
Proba documental. Monforte de Lemos: Fénix, 1968.
Versos pra un país de minifundios. Bos Aires: Nós, 1969.
Versos pra cantar en feiras e romaxes. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1969.
Remol. Bos Aires: Nós, 1970.
Canciós do lusco ó fusco. Monforte de Lemos: Xistral, 1970.
Noventa e nove poemas de Manuel María. Razão Actual: Porto, 1972.
Odes num tempo de paz e de alegria. Razão Actual: Porto, 1972.
Aldraxe contra a xistra. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973.
Informe pra axudar a alcender unha cerilla. Montevideo: Patronato da Cultura Galega, 1973.
Laio e clamor pola Bretaña. Xenebra (Suíza): Roi Xordo, 1973.
Seis pétalos de rosa en xeito de retrato. Ed. do autor, 1973. Asinado co pseudónimo Xohán Carneiro.
Cantos rodados para alleados e colonizados. Monforte de Lemos: Xistral, 1976.
Poemas ó outono. Monforte de Lemos: Xistral, 1977.
Poemas para construír unha patria. Santiago de Compostela: AN-PG, 1977.
O libro das baladas. Santiago de Compostela: Follas Novas, 1977.
Catavento de neutrós domesticados. Lugo: Alvarellos, 1979.
Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1981.
Versos do lume e do vagalume. Ourense: Galiza Editora, 1982.
Cantigueiro do Orcellón. O Carballiño: A. C. Avantar, 1984.
A luz ressuscitada. A Coruña: AGAL, 1984.
O camiño é unha nostalxia. A Coruña: Arrancada, 1985.
Poemas da labarada estremecida. Monforte de Lemos: Xistral, 1985.
Oráculos para cavalinhos-do-demo. Ourense: Caixa Ourense, 1986.
Ritual para unha tribu capital do concello. Ourense: Follas Secas, 1986.
As lúcidas lúas do outono. A Coruña: Vía Láctea, 1988.
Sonetos ao Val de Quiroga. Quiroga: Concello de Quiroga, 1988.
Saturno. Barakaldo: A. C. Rosalía de Castro, 1989. Ed. Bilingüe galego-éuscaro.
Cancioneiro de Monforte de Lemos. Monforte de Lemos: Concello de Monforte, 1990.
Homenaxe ao regato do Cepelo. Ed. do autor, 1990.
Compendio de orballos e incertezas. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1991.
Hinos pra celebrar ao século futuro. Santiago de Compostela: Ed. Compostela, 1991.
Panxoliñas. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1992.
Antoloxía poética. A Coruña: Espiral Maior, 1993.
Poemas a Compostela. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1993.
A primavera de Venus. A Coruña: Espiral Maior, 1993.
Cantigas e cantos de Pantón. Pantón: Concello de Pantón, 1994. Editor literario.
Poemas para dicirlle a dúas lagoas. A Coruña: Espiral Maior, 1994.
O Miño, canle de luz e néboa. A Coruña: Espiral Maior, 1996.
Antoloxía poética. Vigo: AS-PG/A Nosa Terra, 1997.
Sonetos á casa de Hortas. A Coruña: Espiral Maior, 1997.
Cantos, coplas e romances de cego. Lugo: Ophiusa, 1998.
MiniEscolma. Ed. do autor, 1998.
Brétemas do muiñeiro. Pontevedra: Colección Hipocampo Amigo, 2000.
Camiños de luz e sombra (2000).
Obra poética completa I (1950-1979) e II (1981-2000). A Coruña: Espiral Maior, 2001.
Elexías á miña vida pequeniña. Vilalba: Instituto de Estudos Chairegos, 2004.
Poemas escollidos. Outeiro de Rei: Casa-Museo Manuel María, 2015.
Obra narrativa 
Contos en cuarto crecente. Lugo: Celta, 1952.
O xornaleiro e sete testemuñas máis. Bos Aires: Ed. Galicia do Centro Galego de Bos Aires, 1971.
Kricoi, Fanoi e Don Lobonis. Vigo: Castrelos, 1973.
Os ontes do silencio. A Coruña: Nova Galicia, 1990.
Novena a Santa Isabel, por un devoto de Outeiro de Rei. Guitiriz: Asociación Cultural Xermolos, 1995.
Historias do empardecer. Santiago de Compostela: Laiovento, 2003.
Obra dramática 
Auto do labrego: a Ramón Patiño, amigo, pintor e poeta, e mais que nada, galego. Porto: Escola tip. da oficiana de São José, 195?.
Auto da costureira. Bos Aires: Hogar Gallego para Ancianos, 197?.
Auto do taberneiro. 4 ventos. Monforte de Lemos: Xistral, 1970. 2ª ed.
Auto do mariñeiro (brevísima farsa dramática en tres tempos). Monforte de Lemos: Xistral, 1970.
Barriga verde. Vigo: Castrelos, 1968.

Auto trascendental do ensino tradicional (1979).
Aventuras e desventuras dunha espiña de toxo chamada Berenguela.  Monforte de Lemos: Xistral, 1981.
"Auto do Maio esmaiolado", en Cadernos da Escola Dramática Galega, 1985.
Abril de lume e ferro. Carral: Concello de Carral, 1989.
Auto do Castromil ou a revolución dos baúles. Santiago de Compostela: Castromil, 1992.
Farsa de Bululú. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1992.
A lúa vai encoberta. Vigo: Diario 16 de Galicia, 1992.
Edipo. A Coruña: Universidade da Coruña, 2003. Edición de Miguel Anxo Mato.
 
Obra infantil e xuvenil
Os soños na gaiola: (versos pra nenos). Lugo: Cartonajes ANMI, 1968.
Viaxes e vagancias de M. P. Vigo: S.M., 1994.
As ribeiras son escuras. A Coruña: Everest Galicia, 1997.
O bigote de Mimí. A Coruña: Everest Galicia, 2003.
As rúas do vento ceibe. Monforte de Lemos: Xistral, 1979.
A tribo ten catro ríos. Vigo: S.M., 1991.
Unha sombra vai polo camiño. Como desapareceu a Atlántida e apareceron os lagartos. Vigo: Xerais, 1991.
Cando o mar foi polo río. Vigo: S.M., 1992.
Novos contos para nenos. [Galicia]: Citania, 1992.


Obra ensaística 

Notas en col da poesía de Fermínn Bouza-Brei. A Coruña: Real Academia Galega, 1958.
Noticia da vida e da poesía de Xosé Crecente Vega. Coimbra: Facultade de Letras da Universidade de Coimbra, 1968.
Noticia da poesía galega de posguerra.  Lisboa. 1972, Sociedade da Língua Portuguesa).
Homes, feitos e palabras. Santiago de Compostela: El Correo Gallego, 1996.
A Terra Chá: poesía e paisaxe. A Coruña: Real Academia Galega, 2003. Discurso lido o día 15 de febreiro de 2003, no acto da súa recepción na Real Academia Galega.
Andando a Terra. Vigo: A Nosa Terra, 1990.  Escolma dos artigos publicados no xornal A Nosa Terra co pseudónimo Manuel Hortas Vilanova, ao coidado de Miguel A. Mato Fondo e Mª Pilar García Negro.
Memoria da terra: prosa xornalística escollida. Outeiro de Rei, Casa Museo-Manuel María, 2015.

 


CARA A TI
Vou a ti decote cada día
co ollar enmallado nunha nao
que o vento desfiaña pouco a pouco
na espuma dorida do teu peito.
E brillas nesa espuma
sedenta dunha luz tremelucente
que escintila nunha bágoa xa ferida
na manteliña prateada dunha estrela.
Vou a ti, sedento de saloucos
e de brétemas,
depenicando alalás entre a follaxe
acesa por folerpas que fuxían
no afiado coitelo do sorriso.
(Non debullo lonxanía polo ermo
nin o vento morno me desvía).
Vou a ti deixando nun luceiro
unha vella ronseira que se afoga
nun estraño fío prateado
que garda un chirlo amorosiño.
Ollo fuxir cara o nordés un pensamento
que vai só para ti, para que che diga
a mensaxe calada dun retorno.

 Luís Otero Cebral (Coordinador do EDL- CEIP Concepción Arenal)





Ningún comentario:

Publicar un comentario